O último verán desta paisaxe

Entre as excursións deste verán, apuntade vir a Ponte Ulla. Se pasades con frecuencia pola estrada que vai de Santiago a Ourense, retede ben a imaxe da ponte do Gundián. Se non vides este verán, xa nunca volveredes ver esa paisaxe. Só a poderedes recoñecer polas fotografías ou pola memoria.

A fotografía é da Galipedia, o seu autor Luis Miguel Bugallo Sánchez.

Esta paisaxe desaparecerá axiña. Por diante da ponte cruzará outro viaducto, unha construción aséptica en formigón para que pase o AVE. Iso si, os pasaxeiros dese tren tan veloz poderán ver moi de cerca o estreito sobre o río Ulla, o arco da ponte do Gundián sostido sobre as paredes case verticais que caen un 90 metros ata afundirse nunha poza fonda.

Aló polos anos corenta do século pasado o ferrocarril entre Santiago e Ourense atravesou o Ulla. Escolleuse o estreito do Gundián (ou San Xoán da Cova, lugares míticos situados a cada beria do río) e sobre el se ergueu a segunda ponte da Ponte Ulla. Desde entón a forza natural daquel lugar tivo que convivir cunha construción humana trazada sobre o perfil espectacular dos penedos. O que hoxe parece inseparable como paisaxe, foi cuestionado no seu momento. Na biblioteca de Joaquín Pintos atopo a segunda edición da Guía de Galicia de Otero Pedrayo, que en 1945 di: “Los derrames del Pico [Sacro] estrechan con el monte Castro el cauce del Ulla entre altas y rocosas paredes, aguas arriba e inmediatas a Ponte Ulla, donde pasa el río la carretera de Orense, paisaje estropeado por el gran viaducto del ferrocarril en construcción”.

Pero hoxe ponte e estreito son unha cousa soa. É a paisaxe que domina este val, convertida xa nunha icona para o concello de Vedra. É a imaxe que pode reter na cabeza quen sae de Santiago cara ao surleste, xunto co perfil do Pico Sacro (que a min me recorda ao Monte Fuji). E esa paisaxe agora vaise estropear, ou mellor dito, vai desintegrarse, desaparecer como tal. E moito me temo que a nova construción non vai achegar nada ao conxunto, e dentro de vinte e de cincuenta anos seguiranos parecendo lamentable.

Avergónzame dicilo, pero a Pirucha e máis eu aínda nos enteramos a semana pasada de por onde pasaba o AVE. Estabamos convencidos de que a nova ponte, como mal menor, cruzaría o Ulla polo outro lado do viaducto actual. Dabamos por suposto que NUNCA se cargarían esa visión do estreito do Gundián. Pero equivocámonos. A paisaxe é un valor que non se protexe. Xa non miramos moito polos nosos valores naturais e patrimoniais, canto menos o faremos cos paisaxísticos.

Así que as máquinas xa están aquí, traballando na ladeira do monte Castro, moi preto da capela do Gundián (parece que lle fose pasar por riba). A nova ponte (a cuarta desta aldea) cruzará entre a número 1 (a ponte vella) e a número 2 (a do ferrocarril lento), lonxe da número 3 (a da estrada nova). Alternaremos obras humanas que combinan funcionalidade e estética con outras pragmáticas pero irrespetuosas. Agora só falta saber a que altura voará, cantos piares elevará sobre o val, cantos enterrará no río. Debuxo na cabeza imaxes para tentar facerme unha idea do conxunto, pero é difícil. Está claro que a Ponte Ulla será outra cousa, aínda que siga sendo a noa casa.

Estades convidados. Vide antes de que sexa tarde. Aprezade esta paisaxe que morre.

(E nada dixen do tremendamente interesante que é ter un AVE para saír de Galicia aínda que non teñas trens para moverte dunha vila a outra. Aínda que teñas unha estación a dous quilómetros (Santa Cruz de Ribadulla) na que non para ningún tren. Que ben que os nosos executivos poidan chegar a Madrid antes, que nós mesmos poidamos ir alá a pasar a fin de semana sen que resulte cansado, que os pisos na nosa costa se revaloricen porque quedarán moito máis cerca de quen poida compralos…)

Advertisement

5 comentarios en “O último verán desta paisaxe

  1. Vaia desfeitiña van facer, logo…!!
    Pensar que nos meus anos non tan mozos me tirei desa ponte atada a unha corda elástica…
    vaia…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s