os bancos de cores

O sábado pasado tivemos tempo e a meu pai dispoñible para comezar a amañar os vellos bancos cerámicos. Había tempo que mercaramos azulexos brancos novos, pegoland branco e pintura esmaltada branca. O que pasa é que Frechchou e máis eu nunca fixemos traballos de alicatado e non nos atreviamos a facelo sós. Por fin meu pai cedeu á petición, aínda que bastante a contragusto. Andou rosmando toda a tarde porque seica aquela non era maneira de anovar nada. Estaba completamente convencido de que o que había que facer era arrincar todo e poñer azulexos novos. Eu insistíalle que iso o podiamos facer en calquera outro lado da parcela e que do que se trataba é de cambiarlle un pouco a cara a uns bancos que quen sabe canto tempo aguantaran alí a imtemperie, pero máis dun século fixo. Definitivamente temos conceptos da restauración diferentes.

Hei de dicir no seu favor que fixo el case todo o traballo e nós só fomos uns pinches mediocres. Eu encargueime de irlle limpando os azulexos cun cepillo e de sacar os sobrantes de pegoland. Deixoume colocar un azulexo e na miña opinión quedou mallao, pero el insistía en que quedara máis metido para dentro que o do lado. Eu son bastante miope, pero con gafas deféndome e de verdade que non vía a diferenza. Pero el sentenciou: “iso son cousas que só vemos os albaneis profesionais”. Acabouse o conto.

Os bancos de cores déronme para fantasear moito de nena. Sentarme alí, ao carón do camelio branco, transportábame a diversos mundos imaxinarios. Agora de maior souben do parque do Pasatempo de Betanzos, mandado construír polos irmáns García Naveira, e recoñecín nel o estilo indiano dos nosos bancos. Miña avoa non soubo dicir que propietario levou a iniciativa de facelos. Algún día gustaríame investigar con máis rigorosidade sobre os moradores desta casa grande. Mentres tanto, non pararei de facerlle preguntas a miña avoa, que algo sabe e o que sabe cóntao ben.

Cando rematemos a obra amosaremos o resultado.

3 comentarios en “os bancos de cores

  1. Pois si que son fermosos os bancos! Se queredes que alguén que estivo na restauración do Parque Enciclopédico de Betanzos vos bote unha man… !!E eu como pinche non valo nen un feixón…

  2. son preciosos, abofé. imaxínovos, frenchou e pirucha, ao remate dos duros labores agrícolas, sentados alí coma señoritos, debaixo dunha sombrilla e un té fumegante, nunha tarde primaveral. que agroglamour.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s