Desque falamos disto mesmo hai mes e medio, a ferida que o futuro AVE está a abrir no estreito de Gundián aumentou considerablemente. Os que pasades pola estrada Santiago-Ourense verédelo ben. As máquinas non pararon en todo o verán de tronzar carballos e sobreiras, abrir pistas, consolidar noiros e revolver o monte para deixarlle as tripas vermellas ao aire.
Supoño que na Ponte Ulla estamos pagando unha peaxe polo progreso, polo ben de todos. O certo é que non parece que a ninguén lle disguste esta obra que racha unha paisaxe sobrecolledora e ameaza con convertila no espazo residual dunha infraestrutura. Na Ulla o tema non está nas conversas. Dá a impresión de que aos veciños nin lles vai nin lles vén. E fóra de aquí tampouco sentín ningunha preocupación. Ningunha voz alertou do impacto que o viaduto e as súas pilastras de cemento causarán neste lugar. Ao mellor estamos esaxerando e resulta que é unha obra trazada polo mellor dos lugares posibles.
Todo isto ocorre no estreito de San Xoán da Cova, onde noutro tempo houbo un mosteiro do que hoxendía só se conserva o topónimo. O mosteiro debeu ser fundado no século IX e del atópanse referencias ata o XVII. Estivo situado nos penedos que pola marxe dereita encaixonan o Ulla antes de formar un pozo e unha illa. Isto é, á beira da ponte do ferrocarril. As columnas de formigón armado do novo viaduto chantaranse moi perto de onde estivo o cenobio.
Sobrepoñede a imaxe real do que San Xoán da Cova é, coa ilusión do que foi, o proxecto do que será e a invención do que puido ser.
Digoche que cada vez que paso por ali choro coa pena. Falei hai uns dias no me blog e cando pregunto a xente din que van dereitiños para furar o pico sacro. Eu non estou dacordo coa forma na que estan a facer as cousas.
Saudos