Os tirabeques-chícharo

tirabeques_chicharo

Este ano os tirabeques saíron un pouco chícharos. Unha amiga deulle a semente a miña nai e plantou unha rolada deles que, ao parecer, o ano pasado se deberon cruzar na floración cos chícharos sementados ao lado. Todos sabemos que as leguminosas son dadas á promiscuidade e xa na escola nos ensinaban aquel grafiquiño dos experimentos de Mendel para explicarnos os principios básicos da herdanza xenética. Pois ben, os tirabeques (Pisum arvense), que son curmáns dos chícharos (Pisum sativum), pero unha especie distinta, máis tenros e doces, dos que se aproveita a vaíña e o gran (TODO!), e que en tortilla están de vicio, este ano deron dous tipos de froito: tirabeques e tirabeques-chícharo. Uns, coma sempre, son brandiños e os outros gordos e coa casula dura chea de ervellas. No fondo isto resultou ser unha vantaxe, pois así comemos uns enteiros e outros debullados.

Os tirabeques-chícharo debullados.
Os tirabeques-chícharo debullados.

Onte a avoa mandoume apañar os chícharos antes de que se perdesen e claro, coas novidades da colleita deste ano, pensei que se refería aos tirabeques-chícharo. E alá fun, toda chea, coa certeza de que a recolleita sempre é un traballo satisfactorio. Ás sete da tarde a temperatura é agradable, escóitanse as ras croando no río e no pociño e os estorniños facendo unha festa na palmeira. Ás veces teño o impulso de ir ao campo co iPod, que tamén mola, pero se aguzas a orella e te abstraes dos camións pasando pola ponte, o que queda é un murmurio de sons de primavera hiper-relaxante. Apañar tirabeques-chícharo, como outros moitos labores da horta, é unha experiencia zen. Mágoa que a xeración de pais á que pertencen os meus nos inculcasen que traballar no campo é moi sacrificado e pouco rendíbel. E logo todos os traballos non son traballos? Entre os que tiven ata agora e apañar tirabeques-chícharo eu non teño dúbidas.

A avoa quedou orgullosa coa miña colleita.
A avoa quedou orgullosa coa miña colleita.

Despois a avoa veu supervisar como ía a miña colleita e claro: “ai, neniña, eu referíame aos chícharos, pero está ben, agora comemos eses e mañá xa apañamos os outros”. Pois claro avoa, teñen un sabor distinto, pero ao seu xeito os tirabeques-chícharo tamén están moi bos. Zampámolos hoxe guisados con patacas, salmón e ovos escalfados. Rico, rico!

Un comentario en “Os tirabeques-chícharo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s