A casa da Ulla non é só para as persoas. Unha das cousas que máis me gusta deste anaco de mundo é que está cheo de bechos de toda caste. Entre eles están os meus favoritos (co permiso da gata Mirinda): os anfibios.
Aos que me coñecen ben xa lles falei en máis dunha ocasión da miña querencia polos anfibios, en especial polos tritóns ou pintafontes. Resumindo, direi que cando era neno no colexio tiñamos un terrario con pintafontes, eses anfibios pouco evolucionados que conservan a cola e pasan a maior parte ou toda a súa vida activa dentro da auga. Na infancia pasei tardes enteiras percorrendo charcas e pozas nas que sabía da existencia daqueles escurridizos individuos. Co paso dos anos fun vendo como desaparecían ou secaban moitas desas pozas e me resultaba cada vez máis difícil atopar tritóns. Os estudosos falan dun descenso acusado do número de anfibios, que se poden deber a moitas causas relacionadas coa actividade humana, entre as que destaca a contaminación das augas. Investigadores americanos citan estrañas enfermidades para explicar a súa mortandade a nivel mundial. Na Ponte Ulla descubrimos un lugar no que abundan: o pociño.
O pociño é un estanque de dous metros de diámetro no que vive unha colonia xeitosa de pintafontes común, pequenos, co corpo escuro e o peito laranxa. E xunto a eles outro grupo algo menos numeroso de pintafontes verde, os preciosos dragóns acuáticos, de pintas verdes e negras: os machos teñen unha vistosa cresta que vai da cabeza á punta da cola, e as femias unha liña vermella dorsal. No inverno e a primavera, non son poucos os días que me paso tres ou catro veces polo pociño para descubrilos debaixo das herbas, dormitando ou apareándose. É un placer simple: achegas a cara á lámina de auga e ves como transcorre a súa vida anfibia no fondo da poza.



Nesta época do ano os tritóns xa non están no pociño. Os verdes pasan o verán e o outono debaixo de pedras fóra da auga (iso din os libros, eu nunca vin ningún), mentres que parece ser que os comúns poden vivir enterrados na lama do fondo das pozas. Pero aínda se poden ver por alí as larvas dos pintafontes, xunto cun par de ras verdes que tamén teñen este recuncho por casa. A vida no pociño complétana insectos como o nadador de espaldas, as libeliñas e os cabaliños do demo que o rondan, e as larvas de insectos que crían nas súas augas, entre eles a xigantona e voraz larva da libeliña, da que hai ducias no pociño (sospeito que se zampan a maior parte das larvas de pintafontes).
No que non reparara moito outros anos e na abundancia de anfibios que corretean polo prado, nas pociñas que se forman entre as herbas e na beira do río. Onte mesmo me crucei en cuestión dun minuto con dous sapiños que a penas pasaban dun centímetro de lonxitude. Pola pinta creo que eran xuvenís de sapo común, ou máis probablemente de sapiño pinto. Baixo unha pedra movida nun muro ao lado da horta pasaba o día un sapo que descubrín nunha ocasión e ao que visitaba con certa frecuencia… Esta primavera as ras verdes croaron máis que nunha á beira do río. Por alí e polo prado é habitual ver xuvenís e adultos de ra vermella e de ra patilonga.
Agora vén o dilema. O pociño é o centro dun lugar máxico, un modesto espazo de recreo de finais do XIX ou principios do XX que hoxe se atopa algo deteriorado. A Pirucha e mais eu andamos empeñados en recuperalo e darlle un aspecto o máis digno e semellante ao orixinal posible. Ata hai un par de décadas a auga chegaba ao pociño por un chorro vertical no medio do estanque. Agora as canalizacións atópanse atoadas e o pociño nútrese de auga mediante unha fea tubería. Queremos amañar iso canto antes, que o pociño volva a lucir tal como era. Pero para iso necesitamos baleirar o pociño, e aínda que estes meses son os de menor actividade na charca e polo tanto os mellores para facer o traballo, cargarémonos todas as larvas e pode que incluso aos tritóns comúns que pode haber no fondo. E aínda que pareza unha parvada, é un custe notable, porque para a Pirucha e para min conservar o pociño significa sobre todo conservar un fogar para os tritóns.
Sodes un gran descubrimento, seguide a contar estas maravillosas cousas que me enchen de ledicia.
Hola amigos, saúdos dende os vosos veciños do val do ulla, MUSICAS DA ULLA (http://musicasdaulla.blogspot.com/), dá gusto comprobar que hai xente con sensibilidade coma vos, contades historias moi bonitas e o máis importante con moito cariño.
Invítovos a que visitedes a nosa páxina, vai dun pouquiño de todo, dende música, arquitectura, arte etc…
Alegromo que a Ulla se vaia facendo un pequeno oco nisto da rede
Apertas
Hola eu tamén son desta zona e escántanme os anfibios como podes comprobar na miña páxina.
http://castroverde.atwebpages.com
Que me esquencía de poñelo…
Bicos