Desde a eira diante da casa da Ulla parten dúas carreiras, dispostas en ángulo recto. Unha vai á mesa de pedra e chega ao pé da ponte nova. A outra vai ata o canaval, na casa de Loli. Son dous camiños dispostos baixo a viña alta que tece unha bonita rede de canas, aramios e vides a certa distancia do chan, a suficiente para pasar e pasear.
Así son as carreiras nun día soleado de outono:
Hai unha terceira carreira. Arranca nunhas escaleiras que suben desde a eira. Os arames da viña cúrvanse para formar arcos e trazar un camiño que vai dar a unha porta na muralla que rodea a parcela. A porta dá ao adro da igrexa parroquial. A carreira é un “paseo” para que a familia que noutro tempo vivía nesta casa accedese a misa sen ter que saír á rúa. Tiñan incluso un banco da súa propiedade no interior da igrexa.
Desde o alto da ponte nova podes ver o conxunto da viña, un entramado similar ao dos tecidos, como unha bufanda de lá rodeando a casa da Ulla. Ás veces verde, ás veces amarela, outras veces pelada, como xusto despois de que Juan a pode.
A Navia e Xandre Rendo tamén lles pareceu bonita. Por iso a incluíron na súa curta “O noso pequeno paraíso“, unha peza deliciosa que realizaron coa inestimable axuda paterna de Abelardo. Xandre e Navia pasean por Vedra e arredores e nos contan o que lles gusta e o que non lles gusta do lugar no que viven. Tan sinxela que conmove. (Na curta tamén aparece o hórreo da casa, que escangallado está o pobre… un día destes falaremos del).
A curta vímola hai un par de semanas en Santa Cruz, onde Abelardo presentaba “Sulfato“, a súa última curtametraxe. Se medraches no mesmo rural que eu, tes que ver esta curta. Falo dese no que as puchas e os caxatos desaparecían ao mesmo ritmo que as vacas, xa non existían os traballos comunitarios, as medas eran substituídas por pacas, ías dun lado a outro en chimpín e a viña e os tomates se sulfataban con obstinación. Ese rural pseudourbanizado que é o que nos queda, e ten as súas iconas, símbolos e mitoloxías e xa pouco teñen que ver coa Santa Compaña e as noites no muíño. A principal virtude da curta é que Abelardo extrae do sulfato materia sensible, e fai que algúns, por unha vez, nos recoñezamos nunha curta sobre o rural.
Hai días no que tamén as carreiras se enchen de sulfato.
Votabos de menos, pero a espera a merecido a pena…gracias por este maravilloso paseo polas vosas carreiras.
¿O Corto onde se pode ver?
Saudos
Moi fermosas as fotos…
A curta podes vela no seguinte enlace: http://www.vimeo.com/1753667
Fermosas fotos. Antigamente había motisimas carreiras dese tipo incluso polo camiños públicos, que ademáis de producir uvas daban unha agradable sombra no verán, pero a intolerancia da xente fixo que fosen desparecendo e so quedan en contadas aldeas. Parece que a xente lle gustan máis al rúas urbanizadas aínda que sexa no rural, sonche cousa dos tempos modernos. Un saúdo.
Son preciosas as fotos.