De que se fala aquí

Neste blog fálase da casa da Ulla, un anaco de terra no que a Pirucha e o Frenchchou vivimos a gusto. Falamos das horas que pasamos aquí e das cousas que suceden nese tempo. Falamos do presente desta casa, do que chega a nós do seu pasado e das cousas que imos facer no futuro. Todo iso organízase en cinco temas:

en construción

Retallos da crónica da construción da nosa nova casiña, un niño pequeno no curuto da bodega, e tamén do espazo que a rodea. Cousas en estado de cambio que mudan nalgo novo ou volven ao esplendor doutro tempo: o lagar, os bancos, o pociño, a bodega, a lareira, o hórreo, o forno, a palleira…

os porrais

Do bulir da horta, a estacionalidade das froiteiras, as herbas que veñen e van, as árbores que permanecen, o xardín que se renova. As cousas que acontecen na leira, da carreira de viñas ao río, da ponte vella á ponte da estrada.

criaturas

Os animaliños que tamén viven na leira da casa da Ulla. Das cousas da gata Mirinda, os anfibios do pociño, os paxaros, os insectos, os visitantes nocturnos, os que se agochan no xardín.

biblioteca Pintos

Anacos de séculos recollidos na biblioteca de Joaquín Pintos, anterior dono da casa da Ulla. Lecturas encontradas nunha colección de centos de volumes en español, galego, inglés, francés, alemán e italiano, con textos de dereito, relixión, historia, literatura clásica e contemporánea, dicionarios, enciclopedias e libros de viaxes. Libros, revistas encadernadas, papeis e legaxos do século XVI ata o XX.

cousas da ulla

O que ocorre fóra dos muros que rodean a leira. A vida na Ponte Ulla e na súa contorna, o que nos satisface de vivir aquí.