Hoxe é nove do nove de dous mil nove, unha data para gardar na memoria d’A Casa da Ulla. Despois de varias fases autoconstrutivas (1, 2), case dous anos de papeleos varios, demoras e algunha paréntese, chegaron os profesionais: Obras Vivas, unha pequena empresa de bioconstrución de Mondariz, rexentada por Loli e Luis, que ademais teñen un complexo de turismo rural moi apetecible. Comezaron por rebaixar o chan da bodega para sanear a soleira e, como non, xa topamos coas primeiras sorpresas. Un pedrusco enorme e intratable aflorou no medio e medio. Xa empezamos a debater a integración deste importante achado arqueolóxico na estética da casa. Ademais, descubrimos que a parede norte leva máis de cen anos en pé simplemente pousada sobre o chan, sen máis cimentación, todo un desafío á lei da gravidade. Despois disto, o noso arquitecto pon en dúbida a existencia das forzas terrestres teorizadas por Newton, polo que considera que un pequeno reforzo na zapata proxectada abondará para manter o muro en pé outros douscentos anos máis. Por fin parece que a nosa futura casa toma impulso e estes pequenos desafíos iniciais resultan estimulantes.
pois ánimos, q agora vai pra diante xa
p.d. jodeusevos a cámara ou estabades facendo probas?
Son experimentos en verde e maxenta, para darlle algo de vida a unha obras marrón 😉
jajajajajajaja!!!!!!!!! moi ben