Ao carón da casa grande hai unha construción máis baixa de pedra. Fórmano unha palleira e un forno, aos que se lles pegou despois un galiñeiro. No forno de leña cocía no seu tempo Benedicta o pan da casa, pero hai xa unha chea de anos que non se lle dá tal uso. Ese espazo acabou convertido nuhas cortes nas que ata hai uns anos durmía un carneiro. Pero agora tampouco está o animal, así que demos en volver usar o forno, aínda que fora por un día.
Hai xa un par de anos, Gerardo empeñouse no tema e fíxose unha primeira cocedura, para a que houbo que facer unha nova artesa e unha pa. Este sábado fixemos a II Cocedura do Forno do Zapateiro. E póñoo así, como se fose o Festival do Landro ou un Congreso de Entomólogos, porque instauraremos un día de festa anual para amasar e fornear, xa que desbotamos a posibilidade de facer pan habitualmente no forno de leña (parabéns para os que o seguen facendo, ten mérito… nós estamos sopesando pasarnos ao pan caseiro ao estilo alemán, con maquina panificadora). Xa decidimos que para o ano que vén temos que ampliar a convocatoria e facer algo de merchandising: o máis acaído, uns delantais (ou mandís, ou se cadra batas).
Para a II Cocedura do Forno do Zapateiro contamos con 12 traballadores/as comensais e con 14 quilos de fariña: 10 de trigo, 3 de millo, 1 de centeo. O resultado foron dúas empanadas de bacallau (unha con pasas e outra sen elas), unha empanada de millo con berberechos, unhas quince pezas de pan de trigo (entre moletes, bolas, trenzas, cornechos e macacos, incluíndo dous moletes de noces e froitos secos e outros dous de chocolate, catro boliñas de pan de millo, e nove entrenzados doces.
A cousa saiu bastante ben. As empanadas e os entrenzados foron un éxito rotundo, os pans de trigo estaban moi saborosos, aínda que pode que non lle colléramos o punto de todo coa consistencia e a relación entre a codia e a miga. O fracaso foi estrepitoso cos pans de millo: non levedaron e quedaron intragables. Non sei que opinará o porco ao respecto.
Esta é a crónica en fotos da cocedura.
Eu teño un mandil idéntico, pero lila… Éche boa verdade, bata por fóra, muller por dentro 😉
Sana envexa…..O ano que ven eu anotome.
Caramba! pero pedazo forno! Jesús! Ahí a túa nai (Moi) faría os entrenzados nunha patada.