O inverno é algo lento e ás veces pesado. Un músculo contráese no lado esquerdo do lombo e xa todo é pedra, gris e húmida. A xeada queimou os últimos rastros da colleita pasada da nosa pequena horta. Xa non queda ningún froito no caqui que, completamente pelado, tamén ansía a primavera. Nesta época só colleita algo miña nai: lombardas, outras coles, grelos… Frenchchou mais eu chegamos demasiado tarde á casa e a noite bótase enriba. O tempo só dá para algúns traballos puntuais, como amañar unha xardineira ou tirar o galiñeiro pegado á nosa futura casa. Así descubrimos os tritóns durmindo debaixo das pedras. Todo hiberna na Ponte Ulla. As chemineas fumegan día e noite e a aldea cheira a caldo. O padriño adormece detrás da cociña de ferro. Mirinda, máis bipolar que nunca, busca tamén a calor do lume ou do radiador e da secadora no cuarto da plancha. O frío amainou o seu espírito aventureiro e abriulle o apetito. A inactividade e a inxestión descontrolada de calorías convertérona nunha gata repoluda con aires adultos. Eu teño unhas estrañas ganas de ver a tele ata quedar adormecida, comer chocolate e ler. Dáme preguiza bailar, escribir e ducharme. Meu pai remata algúns traballos de inverno: podar e atar a viña e resacar o viño. Agora toca organizar e a finais de mes iremos a un curso de planificación de cultivos impartido por Aurora Calviño, da Hortiña da Ponte, e organizado pola Asociación Sementar.
Espero pacientemente a chegada de don Carnal e empezar cun pouco de festa a pensar na fertilidade primaveral.