Nova visita á construción/destrución

Unha nova visita á obra que abre fendas aos dous lados do Ulla entre o Gundián e San Xoán da Cova. O AVE avanza, xa podemos ver varios pés da futura ponte. Os perfís de ambas ladeiras foron amplamente modificados: pistas en zigzag van dun a outro alicerce e cortan en anacos o ex-bosque de carballos e sobreiras. Noutro punto da parte do Gundián a acumulación de terra parece destinada a cambiar para sempre as curvas da orografía.

O 2009 tróuxonos entre outras cousas un novo calendario do Forno da Ulla. Como todos os anos, inclúe varias fotos do pasado da Ponte Ulla, e este ano tamén unha do futuro: esta montaxe dixital cedida polo Adif sobre como vai quedar o val tras o remate da nova ponte do AVE.

Aí está, como unha sombra xigantesca da outra ponte. Supoño que só é unha tradución daquela á linguaxe e as prioridades da enxeñería de hoxe en día: non importa o tamaño nin o impacto, calquera accidente xeográfico pode ser salvado. Hai cincuenta anos tiveron que facer pasar a ponte do tren polo punto máis estreito do Ulla, transformando para sempre as rochosas paredes de San Xoán da Cova. Agora xa non é preciso aproveitar tanto a terra firme: o novo AVE voará polo punto máis alto do val. Non tocará o río e ninguén pode dicir que estrague nada concreto máis aló dunhas poucas árbores nin sequera centenarias. Só estraga a paisaxe, pero iso tamén o fan os talleres espallados polo rural, as pistas da parcelaria, as placas de uralita, os aeroxeneradores, as piscifactorías e tantas outras cousas.

Polo menos grazas a esta ponte poderemos coller un tren veloz para movernos polo país. Ah, non! Confudinme. Non poderemos.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s