Si, podemos

Agora si. O pasado venres chegounos unha notificación do Concello que entre outras cousas di que “a Xunta de Goberno, a vista do informe favorable do técnico municipal, acorda conceder a licenza solicitada”. Ou sexa, que si, podemos.

O noso proxecto para a casa da Ulla conta xa con beneplácito administrativo. A Dirección Xeral de Patrimonio dixo si, coa condición de que conservemos a viña que se apoia no muro do lagar (sen problema, non pensabamos quitala). Tamén a Consellaría de Vivenda dixo si, aínda que primeiro pedíunos un par de cousas: un espazo para a lavadora e o tendeiro (como se faltara espazo na Ulla onde pendurar a roupa!) e un sistema de reutilización de augas grises (que non tiñamos previsto pero que nos parece estupendo). E agora o Concello dá o si definitivo ao proxecto, dezaseis meses despois de empezar a pensar en restaurar a casiña, trece meses despois de virnos para a Ulla e facer as primeiras xestións e cinco meses despois de presentar a solicitude de licencia no Concello.

E está é a casa que imos remozar, a nosa casiña. Unha antiga casa de caseiros con lagar e bodega.

A fachada principal (leste) dá ao interior da finca, de cara á casa grande. No baixo atópase a bodega. Por ese fermoso patín accédese ao primeiro andar, onde se situará a nosa vivenda. Á esquerda hai un espazo cuberto a modo de porche, que na imaxe aparece ocupado por un cuarto levantado con bloques: ese foi o taller de zapateiro de Luís, e demolelo foi o primeiro paso da nova obra. Esta fachada aínda vai cambiar algo máis, porque aquí abriremos unha serie de ocos corridos no alto do muro, por onde entrará a maior parte da luz da nosa casa. Á dereita do patín hai unha xardineira que teremos que acondicionar. Esta é a única fachada que vai mudar algo coa obra: as outras tres manteranse intactas.

A fachada norte é a que mira á rúa da Ulla. Gústame a súa elegancia sobria, simétrica, coa ventá no alto e os tres bufardos que filtran a luz que entra na bodega.

A fachada oeste linda co adro da igrexa de Santa María Magdalena da Ponte Ulla. Renovaremos a cal e a canaleta e seguirá tendo este aspecto sinxelo.

A fachada sur é a do lagar, que se atopa pegado á vivenda por este lado. Aquí volveremos calear a parede e na esquina esquerda colocaremos un xeitoso banco con xardineira que deseñou Óscar R. Ramos, o noso arquitecto.

O resultado xa o amosamos aquí cando era só un bosquexo de Óscar. Agora só falta transformar ese debuxo en algo real. E para iso temos que facer números, cadrar contas, atopar uns bos construtores e xuntar unha miga de paciencia.

Advertisement

3 comentarios en “Si, podemos

  1. Moita sorte co proxecto e moito ánimo porque todas esas obras necesitan, ademais de cartos, tempo, paciencia, traballar duro, etc. pero ao final cando as cousas se fan con cariño sempre paga a pena. Dicho un que xa pasou por iso.
    Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s