O verxel oriental, cor caqui

Hai apenas quince días o caqui tiña as follas moradas e os froitos verdes. Agora xa está lampo e cos froitos laranxas. Todas as estacións muda de imaxe, sempre fermoso, pero sen dúbida no outono acada o esplendor. Está na parte máis zen da eira, que neste caso me parece máis axeitado chamarlle verxel. Alí, no centro, ao carón do pociño, deixouse medrar estilizado, elegante como os pares da súa familia, as ebanáceas.

As variedades máis frecuentes de caqui son tres, diferenciadas pola súa procedencia: americano (Diospyrus Virginiana), chino (Diospyrus Kaki) e xaponés (Diospyrus Lotus). Sen dúbida, o noso é xaponés, por todo o anterior. Chantárono no medio do xardín, igual que o camelio, combinado con auga e pedra, para crear o ambiente oriental da exótica ruta das especias. Así é que medrou de máis para o cultivo e os froitos, abondosos polo xeral, pérdense aló no cumio, que nin os paxaros son capaces de darlle paso.

Aí leva toda a miña vida como unha árbore ornamental, pero este ano decidimos sacarlle máis rendemento nutritivo. Propiedades tenas: rico en vitaminas A, B1, B2 e C, baixo en grasas e proteínas, valor calórico importante… Apañamos tres caixas e puxémolas no noso madureiro cos caquis ben arroupadiños con herba seca.

Teño intentado comelos en varias ocasións pero nunca lles pillei o punto. A súa textura é amarga e seca. Casualmente onte comín un comprado na tenda e gustoume bastante. Dubido que os nosos saiban igual, pois os que se comercializan adoitan estar cruzados con melocotón ou mazá. Ademais, agora sei que as variedades están divididas en dous grupos, os astrinxentes (con tanino) e os non astrinxentes (libres de tanino). O tanino é a substancia que lle dá ese sabor ápero, polo que estou convencida de que os nosos son astrinxentes. Hai varios procedementos para extraerlle o tanino, pero parecen complicados. Probarémolos ben maduriños a ver que tal.

Cada vez concordo máis co meu tío Gerardo, a Ulla é o mellor sitio do mundo para vivir. Non eliximos nacer aquí, máis é certo, tivemos sorte. Espero ir algún día ao Xapón para comparar a beleza do noso verxel oriental cos de alá.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s