Gusiluz, gusisombra!

Vagalume con flash e sen flash.
Vagalume con flash e sen flash.

Estar de novo na Ulla para redescubrila, de xeito pausado, trasládame continuamente á infancia. Tod@s de cativ@s somos un pouco entomólogos, uns máis con afán coleccionista, outros con mirada científica e todos coa curiosidade fomentada pola imaxinación. Será polo tamaño que no mundo dos insectos atopamos de nenos os referentes fantásticos, os monstros e as fadas.

Este verán puiden comprobar a boa saúde da nosa horta ao descubrir aqueles pequenos bechos que me acompañaban hai anos e que cría extintos. Nunha noite afortunada reapareceron as fadas iluminando os camiños debaixo das viñas. Atopar vagalumes foi un dos acontecementos máis felices dos últimos meses. Con eles acordeime da miña avoa paterna, Elisa, e da casa de Vedra. Sempre había unha morea de vagalumes no roleiro ao carón do que deixabamos aparcado o coche cando o volviamos coller, coa noite pecha, despois da festa.

A principal característica dos vagalumes é o dimorfismo sexual. As femias manteñen un aspecto larvario, ao tempo que os machos acadan unha figura semellante a de calquera outro coleóptero. Son elas as que se iluminan para atraer aos machos que voan preto. Tamén as larvas realizan este proceso, denominado bioluminiscencia. Máis alá desta aparencia cándida, as larvas de vagalume son grandes predadores de caracois e babosas, dato de interese para a horta. De todos os xeitos só vimos exemplares illados.

Voa mariquiña voa, que che hei dar pan de broa.

De maior utilidade como control biolóxico de pragas son as xoaniñas, neste caso por partida dobre, pois tanto as larvas coma as adultas son grandes predadoras, con máis voracidade as crías se cabe. Son especialmente eficaces contra o pulgón negro. Neste caso si son indicativas do estado de saúde da horta, pois desaparecen co uso reiterado de produtos químicos. Tivemos as berenxenas cheas de pulgón, aínda así logrouse algunha e puidemos catalas. O máis satisfactorio foi ver distintos tipos de xoaniñas (vermellas e amarelas) cumprindo a súa misión afanosamente.

Pechan este repaso as vacalouras, que pillamos desprevidas en medio dun quenturoso apareamento estival e a plena luz do día. O macho é o máis grande, o de enriba. Completan as delicias do noso verxel bolboretas, saltóns, cabalos do demo, cheironas, formigas… todos eles no lado dos insectos propicios para a fábula.

Advertisement

Un comentario en “Gusiluz, gusisombra!

  1. Que bonitos!! Eu tamén vin un vagalume este verán. Estaba no noso corral, non sei que faría aló… Facía moitos anos que non vía un. Por certo, que ven sacáde-las fotos co macroenfoque! a min sempre me saen borrosas…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s