Dous anos con Mirinda

Son o gato que camiña só. E para min todos os supermercados son o mesmo. O gato non ofrece servizos. O gato ofrécese a si mesmo. Por suposto que quere coidado e refuxio. Non se compra o amor por nada. Como todas as criaturas puras, os gatos son prácticos.
William S. Burroughs, The cat inside [castelán: Gato encerrado, Ed. El Aleph; portugués: O gato por dentro, Ed. L&PM]

Hoxe Mirinda fai dous anos. Como nos tempos de antes ocorría aquí cos nenos, e ocorre nos tempos de agora en moitos lugares do mundo, a data é aproximada, púxolla máis ou menos ao chou o veterinario na súa cartilla de vacinacións. Creo que todos os días desde hai máis de seiscentos, a Pirucha e mais eu falamos algunha vez ao día sobre Mirinda. Comentámolo todo, así que supoño que xa formamos parte desa gran minoría de persoas que falan sen parar do(s) seu(s) gato(s), algo que non soportan os seus outros amigos aos que os gatos lles resultan indiferentes.

Mirinda naceu no campo e levámola de pequena para a cidade. Pasou o seu primeiro ano de vida nun piso e converteuse nunha gata urbana: atrapaba bolsas de plástico, axexaba pola ventá, corría do dormitorio ao salón, afiaba as unllas contra o sofá, deixábanos xoguetes enriba da colcha, escapaba ata a porta do oitavo.

Agora é unha gata rural, por non dicir salvaxe. Estou con Burroughs, á súa maneira é un animal puro e á vez práctico. Quérenos por conveniencia, por que lle ofrecemos coidado e refuxio; e nós querémola a ela polo cariño de conveniencia que nos dá.

Corre polo prado, entra polas ventás, agabea ao alto das viñas, langranea polo xardín, caza con astucia todo o que se move, xoga (maltrata) sen piedade ás súas vítimas, tráenos regalos moribundos, miaña con insistencia para que lle abramos unha billa ou unha porta ou unha ventá, ou para lle saquemos algo saboroso da neveira, senta na cociña a durmiñar e ver a tele, pasa as noites fóra, volve famenta pola mañá, rosma de pracer no noso colo e uns segundos despois mórdenos na man con todas as súas forzas. Unha gata é un ser admirable.

No seu primeiro aniversario, a Pirucha regaloulle a Mirinda un vídeo sobre aqueles meses con nós. Desta vez non hai vídeo novo, así que só podemos amosarvos como era a nosa gata cando tiña a maior parte dos seus instintos cernados. Agora é salvaxe, e prefíroa así, como os gatos de Burroughs, como o do conto de Kipling, como Teodoro W. Adorno de Cortázar (ou viceversa).

2 comentarios en “Dous anos con Mirinda

  1. Mirindaaa!! Feliz Cumpreanos!!! vaia tía que son, que me esquecín…Os teus curmáns felinos Muriel e Panchito tamén te felicitan, e Sugus too.
    Polas fotos do vídeo, eu creo que Mirinda sempre soubo que algún día iría vivir á “aldea”, sempre ollando pola ventá do salón, imaxinado que habería máis aló…
    Esa “curiosidade que matou ó gato” é común da súa raza, porque Panchito, en canto nos despistmaos, sae pola porta e bota a correr!
    O dito, pon un gato/can na túa vida!
    biquiños!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s