A canícula

Chegou a canícula, tamén á Ulla. O sol pega sen piedade, pero non me importaría pasar a tarde refuxiado nalgún lugar en sombra da casa da Ulla en lugar de soportalo desde a mesa de traballo en Santiago. Esta fin de semana sacamos a hamaca do armario para colgala de novo na glorieta, ao pé da palmeira. É un bo lugar para abanearse ao fresco, pero as enredadeiras que debían cubrir os ferros que forman a estrutura da glorieta están algo raras e deixan pasar o sol con forza. A Pirucha aínda lle tirou proveito, mentres que eu marchei ao norte a pegar paus.

Co calor das últimas semanas, os froitos están pegando un bo empurre nos porrais. A semana pasada collimos os primeiros cabaciños, e agora hai produción abonda. Polas mesmas datas comezamos a apañar xudías. Os cogombros engordan a pesar do ataque fero do purgón, e mañá colleitaremos un par deles. Hoxe probamos o primeiro medio cento de pementiños de herbón (non picou ningún, non sei se nos darían gato por lebre…), e os de arnoia van collendo tamaño, ao igual que os tomates. As plantas das berenxenas despertaron do seu letargo coa chegada do calor. As acelgas plantámolas sen nos fixar na lúa, e en cousa de dez días estaban todas espigadas. Xa non queda máis que arrincalas.

Medran xeitosas as coliflores e tamén o brócoli que plantamos hai tres semanas. Comezamos a ver como se forman as coles de bruxelas nas súas verzas, a pesar de que están inzadas de mosca branca, que tamén se pousa sobre coliflores e brócolis. Estamos intentando eliminala con algo de xabrón potásico, pero non ten pinta de que o vaiamos conseguir. Se non fora pola mosca as coles habían estar espléndidas, pero aínda con eses insectos chuchadores van tirando ben, así que teremos que confiar na forza das plantas.

Por vagos e pouco efectivos acabóusenos a produción de amorodos. Quixemos probar a cultivalos sen plástico, pero non acolchamos con herba suficiente e agora temos os bancais cheíños de malas herbas e as plantas case non dan amorodos. Por sorte coincidiu coa época das primeiras froitas de carabuña e levamos dúas semanas enchéndonos de comer ameixas. Dánolas unha árbore ben sufrida que esta primavera cedeu e está totalmente caída coa raíz medio desenterrada. A pesar diso, deunos moitas máis ameixas das que podemos comer. Ao pasar o verán, nos días máis frescos do outono, tentaremos volver poñela en pé.

Un comentario en “A canícula

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s