Porralear

Porralear é un verbo que ao chegar a primavera e o verán se usa moito na casa da Ulla. Deriva de porral, unha palabra con tres acepcións bastante próximas, pero que aquí empregamos como sinónimo de horta, pero en plural: os porrais.

Anaco do porral que cultivamos a Pirucha, o Frenchchou e Chelo

Porralear é traballar na horta: plantar, desherbar, cavar, recolectar. Este sábado fixemos un pouco de todo iso. Pola mañá a Pirucha regou, recolleu os brócolis e logo desherbou case toda a horta, o que lle valeu unha boa dose de cansanzo e acabar co lombo queimado polo sol. Pola tarde axudeille a rematar de desherbar. Fresamos un anaco que tiñamos sen cultivar e no que esta semana plantaremos algunha cousa. Transplantei unhas acelgas (ás que non lles sentou moi ben o cambio e o domingo aínda estaban murchas, como derrengadas. Espichei unhas plantiñas de cabazas que lle deu a Chelo a súa compañeira de traballo. E recollemos cenouras: pequeniñas e deliciosas (comímolas o domingo). Chelo plantou as cenouras bastas, e naceron moi ben, co cal temos o bancal inzado de cenoriñas. Para clarealas, imos collendo algunhas que xa teñen un tamaño aceptable e están tenrísimas, polo que podemos cocelas e comelas sen ter que pelalas. Así imos deixando espazo para que as outras medren mellor.

Cenouras tenras

O sábado comezamos tamén cun traballo moi importante: amañar os bancos de azulexos, algo do que un día destes falaremos en detalle, e dos que por agora só vos deixamos unha foto do antes:

Para rematar, este vén sendo un inventario de como nos vai a horta. Repártense case a partes iguais os éxitos e os fracasos:

  • Acelgas: acabamos de transplantar media ducia, e parece que non lles sentou ben.

  • Amorodos: producindo, boa cantidade e saborosos, rifámolos entre nós e os paxaros.
  • Azafrán: plantouno Chelo. É unha planta alta e parece que lle vai moi ben, eu nunca antes a vira. Estamos espectantes por verlle a flor.
  • Berenxenas: fatal, planteinas a finais de abril e con tanta chuvia e tan pouco sol están case como o primeiro día. Non creo que comamos nin a primeira.
  • Brócoli: a ducia de pés que plantamos xa os recolectamos. Déronse moi ben, quedou na leira un máis pequeno, por ver se aínda medra.
  • Cabaciños: dos cultivos de froito son (logo das fresas) os que mellor se están dando. Teñen xa bastantes froitos pequenos e están cheos de flores. Nun par de semanas poderemos comezar a comelos.
  • Cabazas: plantei media ducia, unhas entre o millo e os feixóns e outras a parte. Nas bandexas acaban de medrar unhas plantiñas sacadas dunha cabaza de cacahuete ecolóxica que comimos hai un par de meses.
  • Cebolas: plantounas Chelo, non fallou ningunha e teñen boa pinta.
  • Cenouras: temos un bancal repleto. Creo que imos comer cenouras tenras unha boa tempada.
  • Cogombro: Plantamos media ducia, e só un par deles teñen un aspecto saudable. Outras vítimas da climatoloxía.
  • Coliflor: van bastante mal. Plantamos unhas que secaron, e logo plantei eu por un lado e Chelo por outro. Non dan arrancado. As que foron morrendo estaban enfermas, pero non sei moi ben de que, pode que a hernia da col (aínda que ao lado hai uns repolos fermosos).
  • Coles de Bruxelas: plantei media ducia hai mes e medio por ver que tal se daban. Dúas quedaron no camiño, as outras van tirando, pero pouco a pouco. Creo que teñen algo de mosca branca, pero non teño claro que lles bote nada. Se non se dan, non se comen. É o que hai.
  • Feixón: planteino cun pouco millo nunha zona que a penas se rega. Naceu ben, pero téñoo algo descoidados. Teñen as follas moi comidas (supoño que dos caracois) e xa lles empeza a saír a flor.
  • Feixón verde (xudía): plantounas Chelo e van moi ben, subindo con paso firme polo titor.
  • Leitugas: Xa van unhas cantas quendas, e todas saíron ben: verdes e vermellas, rizadas e lisas, abertas e de pechadas. Saen máis das que comemos, polo que as que espigan disfrútanas as galiñas.

  • Lombardas: fracaso total. Mellor nin nomealas!
  • Melóns e sandías: desde que os plantamos non deixou de chover, e en menos de dúas semanas non quedaba nada deles. Chelo trouxo outras plantiñas de sandía, así que o volveremos tentar.
  • Millo doce: plantei uns poucos graos que tiña nun sobre mercado a punto de caducar. Asomaron oito ou nove. Así que non imos empachar.
  • Patacas: esas van polo convencional (ou químico). Pola rama que teñen, parece que lles vai ben. As patacas novas estaban moi boas.
  • Pementos: plantamos tipo padrón e tipo arnoia. Chelo plantou tamén dos morróns e uns amarelos. Quedaron cativos con tanta chuvia, pero están botando flor e a última semana deron un estirón (sobre todo os de padrón).
  • Porros: están moi bonitos, a pena é que non plantamos moitos. Vounos aporcando para que teñan a terra mol e o cano protexido. Pronto comeremos os primeiros.

  • Remolacha: plantouna Chelo esta semana.
  • Repolos: cousa de Chelo, parece que van todos ben.
  • Tirabeques: tamén cousa de Chelo: xa os comemos case todos, deliciosos! En tortilla están ricos, pero tampouco teñen desperdicio cocidos con patacas novas. Mmmm!
  • Tomates: como as patacas, levan as súas boas doses de sulfatos. Para o ano nós plantaremos os nosos e trataremos de sacalos adiante sen químicos. Sobreviviron ás chuvias con pouca afectación do mildeu (só un par de plantas), aínda que non medraron case nada. Agora empezan a botar as primeiras flores.

Tomate san                                     Tomate con mildeu

2 comentarios en “Porralear

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s