Hai uns días que abrimos este recuncho e aínda non falamos do noso proxecto máis importante. No mes de agosto do ano pasado pasamos unha tempada en La Contie (Dordoña, Francia), o jardin biologique de Michel e Mareke, vivindo nunha caravana e axudándolles nas labores agrícolas estivais. A experiencia deunos que pensar e de súpeto atopamos un camiño ilusionante para guiar o noso futuro: restaurar unha casiña de pedra que está ao carón da de meus pais e aproveitar o terreo para experimentar coa agricultura ecolóxica, coa idea de reformular mais adiante a nosa vida en plena harmonía coa terra. O proxecto ten múltiples ponlas, cada cal máis alentadora, e unha gran carga emotiva, por suposto, sen esquecer os condicionantes do regreso á casa materna, cos seus múltiples matices. Hoxe subo a primeira foto do estado actual desa casiña, que se estrutura en tres partes: lagar, bodega e vivenda. Pretendemos reconstruíla mantendo estes usos, respectando a arquitectura tradicional e empregando criterios de biolóxicos. Para facelo botamos man de Carlos, o noso asesor en bioconstrución, e Óscar, o noso arquitecto. Cremos que fixemos unha boa elección e que a eles lles entusiasmou tanto a idea coma a nós. Actualmente o proxecto atópase no colexio de arquitectos para ser visado. Logo terá que pasar outras dúas cribas, a do concello e a de patrimonio na Xunta. Outro día subimos planos e debuxos. O proceso é longo, pero merece a pena esperar, pois como dixo Óscar cando veu por primeira vez a casa, “está situada nun entorno delicioso”. Aí vai un exemplo.
Entorno delicioso
Entorno delicioso en amarelo
Entorno delicioso en maxenta
Un comentario en “Empezar a casa polo tellado”