O granado

Entre outubro e novembro do ano pasado trouxemos os nosos trastos para aquí. Vivimos na Casa da Ulla, e agardamos con máis ben pouca paciencia a restaurar a casa de arriba, a nosa casiña. A leira grande atráenos, a posibilidade de facer medrar cousas para logo comelas, e quen sabe se algún día dárllelas a comer aos outros.

Cada cuarto domingo de mes chántanse na rúa unha ducia de postos de venda ambulante. É a Feira da Ulla. Polo que conta Chelo, no seu día tivo moito movemento, cnha morea de vendedores que facían bo negocio. Cando coñecín a Esme esa feira xa non se celebraba, e hai cousa de dous ou tres anos recuperouse. Empezou con moitos folgos, pero logo foi decaendo para estancarse nunha mediocridade cativa. Parece que só lle vai ben ao portugués que vende sabas de franela, trapos e pixamas. O resto despachan máis ben pouco: roupa, mandilóns, zapatos, mel e queixo caseiro, froitas. E hai un home que trae árbores ornamentais e froiteiras, e ao que na feira do cuarto domingo de novembro do ano pasado lle mercamos este granado.

O granado está no xardín desde que chegamos aquí. Foi a primeira cousa que plantamos na Casa da Ulla. Eu non estaba moi convencido de que se adaptase, porque non coñezo ben a planta nin a vin cos seus froitos por aquí. Entendo que se dará mellor en climas máis cálidos, e así foi que durante moito tempo só parecía un pau seco cuns poucos ramallos espichado no chan. E cando xa todas as árbores floreceran polos aires da primavera e o granado parecía pedirnos que lle redactásemos a acta de defunción, colleu color o primeiro gromo. E de aí un tras outro foron medrando e abríndose ata chegar a ter este aspecto:

os primeiros gromo e follas do granado

Estou moi orgulloso da árbore. Se algún día me dá unha granada, falarei de porque me gusta tanto esta froita e do seu efecto relaxante.

5 comentarios en “O granado

  1. Hola, acabo de ver que estás viviendo en la Casa de Ulla. ¿Sabes algo de los que vivieron anteriormente en ella?.
    ¿Sabes a que familia pertenecía?.

    Si no me equivoco, en tiempos perteneció a la familia de mi padre, pero no estoy segura.

    Perdona las molestias.

    Un saludo.

    Elisa Arias.

  2. Ola.
    A casa da Ulla pertenceu á familia Pintos. Joaquín Pintos foi o último desta familia que viviu aquí, ata 1980 (aprox.). A propiedade compartíaa co seu irmán Carlos. Ao morrer Joaquín, deixou en herdanza a súa parte (a casa e unha porción do terreo) a Benedicta Amboage, que traballaba na casa e foi a que o coidou. Carlos Pintos vendeu a súa parte, máis da metade do terreo. Benedicta segue sendo señora deste anaco precioso de mundo na Ulla.

  3. Ola ola,
    Esta fin de semana coñecín a un familiar do voso granado… é algo máis vello e creo que o tiñan algo endroghao, pero tiña unhas flores ben fermosas. Colguei algunhas afotos no flickr.
    Ah, e encántame o blog!
    Bicos mil

  4. Xa quixera o noso granado ter unhas florciñas como esas! Pero cando botou a primeira folla xa estaban floridas o resto de árbores da casa, así que digamos que vai cun lixeiro retraso. Quedarán para o ano que vén. Está moi bonita esa colección de flores, que supoño que serán deste e do outro lado do Atlántico.
    Bicos!

Deixa unha resposta a frenchchou Cancelar a resposta