A morte cando chega, aínda que sexa á idade na que supostamente toca, sempre é inoportuna. En menos dun ano perdín aos meus avós maternos. Quedaron tantas conversas pendentes, tantas imaxes por fixar, un rexistro das voces difíciles de reter, tanta memoria por recadar, tantos bicos e apertas, tantos momentos por vivir… Nunca imaxinei que o padriño e a abuela desaparecerían antes de que rematásemos a casa. Doe. Doe cunha intensidade que nunca antes sufrira. Recoller os seus obxectos persoais é un gume afiado riscando na respiración. Aínda así, busco os seus rastros pola casa e a cortiña. Xa non quedan na carreira as cadeiras de descansar. Tampouco está o último trebello para conter a manada de coellos atraida polos primeiros brotes da primavera. Si permanece o valor dunha vida marcada polo apego á terra.

Non me gusta ver pechada a porta da súa habitación. Abro os caixóns para que un simple tacto me transporte polos momentos dos trinta anos que separan estas fotos, as primeiras e a última. Penso que somos un pequeno alento na inmensidade, pero ao menos a palabra alento ten un matiz positivo. Por iso é o momento de apreixar os recordos felices e así como veñen trato de apuntalos nun caderno. Os días de pesca e de aprender a colocar a miñoca no anzó. As troitas con mérito. El cuento de la buena pipa, o conto do raposo e a serpe, o do ollomol e tantos outros. As partidas de tute. O sabor das natillas. A sabedoría agrícola. A elegancia e a afouteza. A única vez que fomos xuntos á praia. A primeira vez que me levaron ao cine. Un regalo inesquecible, a miña primeira maleta. As confidencias, a complicidade e o apoio incondicional.

A miña sensibilidade, a miúdo a flor de pel, está máis aguzada que nunca. Dende este estado penso que o mellor que podo facer por eles é rematar a casa, paseniñamente volver a erguer o hórreo, amañar o cuberto, recuperar o chafariz do pociño, coidar a horta e as viñas, limpar as cortes… Tamén manter este blog o tempo preciso para contalo, con humildade e sen épica, coma eles.