(Nestas semanas nas que o blog da Ulla ficou parado, pasaron moitas cousas. Agora toca volver, e eu vouno facer cun texto que non fala de Ponte Ulla, senón da parroquia na que nacín e me criei: Sanguiñeda. Aquí vai, recuperado d’A Peneira da Louriña).

Recoméndovos que escoitedes a Emilio José. Non o cantante melódico dos 70, senón o de Quins. É un tipo con barba que escribe cancións sobre mozas, aldeas e política mentres se baña nas pozas de Melón. Escoitádeo: creo que non ocorreu nada máis revolucionario na música galega desde que Os Resentidos prenderon o naval con lume forestal. Eu non quero falar de Melón senón de Mos, pero non atopo mellor referente literario para o noso mimado terrorismo territorial que Emilio José. Nas pozas, debaixo dun viaduto da A-52, canta o evidente: “fixeron autovías / para non ter que parar nos pobos de provincias”.

Mos debería ter o seu Emilio José, cantándolle á velocidade e a confusión desde o Solombo, aquela presa no Louro na que se bañaban (eu era un covarde) os rapaces de Sanguiñeda. Hai anos que o Solombo non é. Os arqueólogos terían que buscalo entre matos e pedras debaixo do nó da autovía. Desapareceu do mapa e perdeu a súa memoria, para converterse nunha zona de sombra.

Como son novo, non podo nin sequera imaxinar como era Mos antes de ser o que é: un revolto de soares e vías de comunicación, un bucle no que vivendas, camiños e leiras diminutas alternan con almacéns, pequenos negocios, naves industriais e vías de alta capacidade. Moléstame? Non moito, todos nos afixemos a esta maneira peculiar de someter o espazo tan propia desta parte do mapa. A fin de contas, foi o que escollemos como colectivo, supoñamos que con coñecemento dos seus inconvenientes.

Pero temo o seu avance. Temo que así como desapareceu o Solombo, desapareza Mos por enteiro. Non que se borre do mapa ao modo Hiroshima, senón que pouco a pouco os lugares vaian perdendo o seu nome e os seus recordos e se convertan en non-lugares. A teoría pronunciouna un tal Marc Augé: os non-lugares son espazos contemporáneos sen memoria, destinados á circulación: autovías, autoestradas, aparcamentos, centros comerciais e os seus espazos na sombra.

Se colles o mapa da guía Campsa, verás que Mos é unha estreita franxa de terra que atravesan varias liñas de cores, cada vez máis grosas. A próxima anunciada é o tren: máis novo, máis rápido, mellor. No caixón dalgún despacho figura que pasará elevado, sobre noiros ou sobre piares, pero deixando ao seu paso un rastro de ex-lugares. Ao tempo que as grandes infraestruturas fan o traballo pola parte alta da pirámide, nós, as formiguiñas, facémolo pola baixa. Máis ben por omisión, porque a vida contemporánea é a que é e é como é, e atender os campos é cousa pouco grata cando un traballa fóra 8, 10 ou 12 horas e a fin de contas rende máis comprar no súper. Así que aquelas leiras que non conseguimos transformar en soares, entregámosllas ás silveiras.

Por iso volvo a Emilio José. Ese estivo a piques de ser o meu nome. O meu avó chamábase Emilio e pasou as últimas décadas da súa vida cego nunha cama, pero sen deixar de preocuparse polo devir das veigas. O meu pai chámase José e herdou dos seus a obsesión polo traballo que moitas veces lle reprendín. Pero hoxe entendo que dalgún xeito é un heroe librando unha batalla particular que a sociedade non entende. Ten sete ou oito cachiños de terra que coida con desmesura. Parte o lombo, ao igual que outros heroes cincuentóns (ou máis) que ves os sábados pola mañá espallados polas campos. Sexamos contemporáneos: non o comprendemos. Abramos a perspectiva: poucos farán máis pola memoria común.

carreira1a_blur

Esta casa será sempre
a Casa do Zapateiro

cabare_cartel

A canción:

As varietès:

cabare_varietes

O escenario:

cabare_escenario

O elenco:

cabare_elenco

O espectáculo:

cabare0

cabare3

cabare4

cabare2

cabare1

Hoxe é nove do nove de dous mil nove, unha data para gardar na memoria d’A Casa da Ulla. Despois de varias fases autoconstrutivas (1, 2), case dous anos de papeleos varios, demoras e algunha paréntese, chegaron os profesionais: Obras Vivas, unha pequena empresa de bioconstrución de Mondariz, rexentada por Loli e Luis, que ademais teñen un complexo de turismo rural moi apetecible. Comezaron por rebaixar o chan da bodega para sanear a soleira e, como non, xa topamos coas primeiras sorpresas. Un pedrusco enorme e intratable aflorou no medio e medio. Xa empezamos a debater a integración deste importante achado arqueolóxico na estética da casa. Ademais, descubrimos que a parede norte leva máis de cen anos en pé simplemente pousada sobre o chan, sen máis cimentación, todo un desafío á lei da gravidade. Despois disto, o noso arquitecto pon en dúbida a existencia das forzas terrestres teorizadas por Newton, polo que considera que un pequeno reforzo na zapata proxectada abondará para manter o muro en pé outros douscentos anos máis. Por fin parece que a nosa futura casa toma impulso e estes pequenos desafíos iniciais resultan estimulantes.

Onte houbo voda na Ulla. Casaron Lucía e David, no que foi o segundo casamento entre unha moza da Ponte Ulla e un rapaz do barrio madrileño de Usera nun par de anos. E a cousa parece non parar aí, porque xa se está cocendo algunha nova parella, polo que desde a Casa da Ulla propoñemos iniciar os trámites para un irmandamento A Ponte Ulla-Usera. Debería celebrarse canto antes unha reunión ao máis alto nivel entre Odón e Gallardón para darlle cobertura oficial a esta tendencia sentimental.

A festa de onte foi longa e divertida, e dela quédanos hoxe o corpo mallado pero satisfeito e este vídeo que lle preparamos aos noivos. Fixémolo entre os amigos, pensado como un videoclip e como unha invasión. Deu o seu traballo porque somos unha banda de inexpertos, pero pagou a pena polo ben que o pasamos co conto.

Ao carón da casa grande hai unha construción máis baixa de pedra. Fórmano unha palleira e un forno, aos que se lles pegou despois un galiñeiro. No forno de leña cocía no seu tempo Benedicta o pan da casa, pero hai xa unha chea de anos que non se lle dá tal uso. Ese espazo acabou convertido nuhas cortes nas que ata hai uns anos durmía un carneiro. Pero agora tampouco está o animal, así que demos en volver usar o forno, aínda que fora por un día.

Hai xa un par de anos, Gerardo empeñouse no tema e fíxose unha primeira cocedura, para a que houbo que facer unha nova artesa e unha pa. Este sábado fixemos a II Cocedura do Forno do Zapateiro. E póñoo así, como se fose o Festival do Landro ou un Congreso de Entomólogos, porque instauraremos un día de festa anual para amasar e fornear, xa que desbotamos a posibilidade de facer pan habitualmente no forno de leña (parabéns para os que o seguen facendo, ten mérito… nós estamos sopesando pasarnos ao pan caseiro ao estilo alemán, con maquina panificadora). Xa decidimos que para o ano que vén temos que ampliar a convocatoria e facer algo de merchandising: o máis acaído, uns delantais (ou mandís, ou se cadra batas).

Para a II Cocedura do Forno do Zapateiro contamos con 12 traballadores/as comensais e con 14 quilos de fariña: 10 de trigo, 3 de millo, 1 de centeo. O resultado foron dúas empanadas de bacallau (unha con pasas e outra sen elas), unha empanada de millo con berberechos, unhas quince pezas de pan de trigo (entre moletes, bolas, trenzas, cornechos e macacos, incluíndo dous moletes de noces e froitos secos e outros dous de chocolate, catro boliñas de pan de millo, e nove entrenzados doces.

A cousa saiu bastante ben. As empanadas e os entrenzados foron un éxito rotundo, os pans de trigo estaban moi saborosos, aínda que pode que non lle colléramos o punto de todo coa consistencia e a relación entre a codia e a miga. O fracaso foi estrepitoso cos pans de millo: non levedaron e quedaron intragables. Non sei que opinará o porco ao respecto.

Esta é a crónica en fotos da cocedura.

estrada

O camiño entre a cidade e a nosa casa está sementado de pequenos cadáveres. Todas as semanas vemos algún difunto novo: un gato destripado, o pelexo dun esquío, unha morea de plumas que lembra vagamente unha pomba.

Teño a certeza de que un día serei eu quen se leve por diante un becho. Cada vez que volvemos a casa de noite sinto as sombras animais nos lindes do piche. E cruza por diante un can, un raposo, un porco teixo, unha denociña. E podes gardar entre as páxinas dun libro as siluetas plásticas dos lagartos, as píntegas e os sapos.

Atérrame pensar que as deste Saxo sexan as últimas luces que vexa o ourizo cacho.

O ourizo cacho
Bernardo Atxaga (1990)

O ourizo esperta ao cabo no seu niño de follas secas,
e acoden á súa memoria todas as palabras da súa lingua,
que, contando os verbos, son pouco máis ou menos vintesete.

Logo pensa: rematou o inverno,
Son un ourizo cacho, Dúas aguias voan sobre min;
Ra, Caracol, Araña, Verme, Insecto,
En que parte da montaña vos agochades?
Aí está o río, É o meu territorio, Teño fame.

E volve pensar: É o meu territorio, Teño fame,
Ra, Caracol, Araña, Verme, Insecto,
En que parte da montaña vos agochades?

Sen embargo, permanece quieto, como unha folla seca máis,
porque aínda é mediodía, e unha antiga lei
prohíbelle as aguias, o sol e os ceos azuis.

Pero anoitece, desaparecen as aguias, e o ourizo cacho,
Ra, Caracol, Araña, Verme, Insecto,
Desbota o río e sobe pola aba da montaña,
tan seguro das súas pugas como puido estalo
un guerreiro do seu escudo en Esparta ou en Corinto;

E de pronto atravesa o linde, a liña
que separa a terra e a herba da nova estrada,
dun só paso entra no seu tempo e o meu;
E como o seu dicionario universal
non foi corrixido nin aumentado nestes últimos sete mil anos,
non recoñece as luces do noso automóbil,
e nin sequera se dá conta de que vai morrer.

Ten mérito. A ameixeira do prado de abaixo, a carón do establo, caeu cun temporal. A metade da raíz quedou fóra e a outra metade aferrouse, ou máis ben aterrouse, ao chan coma ventosas. Na nosa indecisión de levantala ou arrincala completamente xa pasou un ano e alí quedou, deitada. Nin rastro de doenzas, verde, frondosa, volveu dar unha boa morea de froitos moradiños e doces.

ameixeira

raiz

ameixas1

Composición anónima para espantar toupas

botellas_conxunto_peq

Peza para interpretar nun xardín, horta ou leira que agrade ás toupas.  Unha vez localizadas as moreas de terra que delatan as toupeiras, as botellas (verdes)  chantaranse ata a metade no interior de cada buraco, cunha inclinación de 45º. Os bicos terán orientacións variables,  con predominio da suroeste.

Agarde a que sopre o vento.

Duración da interpretación: variable.
Número de instrumentos: variable.
Tempo: ventoso ma non troppo.

tirabeques_chicharo

Este ano os tirabeques saíron un pouco chícharos. Unha amiga deulle a semente a miña nai e plantou unha rolada deles que, ao parecer, o ano pasado se deberon cruzar na floración cos chícharos sementados ao lado. Todos sabemos que as leguminosas son dadas á promiscuidade e xa na escola nos ensinaban aquel grafiquiño dos experimentos de Mendel para explicarnos os principios básicos da herdanza xenética. Pois ben, os tirabeques (Pisum arvense), que son curmáns dos chícharos (Pisum sativum), pero unha especie distinta, máis tenros e doces, dos que se aproveita a vaíña e o gran (TODO!), e que en tortilla están de vicio, este ano deron dous tipos de froito: tirabeques e tirabeques-chícharo. Uns, coma sempre, son brandiños e os outros gordos e coa casula dura chea de ervellas. No fondo isto resultou ser unha vantaxe, pois así comemos uns enteiros e outros debullados.

Os tirabeques-chícharo debullados.

Os tirabeques-chícharo debullados.

Onte a avoa mandoume apañar os chícharos antes de que se perdesen e claro, coas novidades da colleita deste ano, pensei que se refería aos tirabeques-chícharo. E alá fun, toda chea, coa certeza de que a recolleita sempre é un traballo satisfactorio. Ás sete da tarde a temperatura é agradable, escóitanse as ras croando no río e no pociño e os estorniños facendo unha festa na palmeira. Ás veces teño o impulso de ir ao campo co iPod, que tamén mola, pero se aguzas a orella e te abstraes dos camións pasando pola ponte, o que queda é un murmurio de sons de primavera hiper-relaxante. Apañar tirabeques-chícharo, como outros moitos labores da horta, é unha experiencia zen. Mágoa que a xeración de pais á que pertencen os meus nos inculcasen que traballar no campo é moi sacrificado e pouco rendíbel. E logo todos os traballos non son traballos? Entre os que tiven ata agora e apañar tirabeques-chícharo eu non teño dúbidas.

A avoa quedou orgullosa coa miña colleita.

A avoa quedou orgullosa coa miña colleita.

Despois a avoa veu supervisar como ía a miña colleita e claro: “ai, neniña, eu referíame aos chícharos, pero está ben, agora comemos eses e mañá xa apañamos os outros”. Pois claro avoa, teñen un sabor distinto, pero ao seu xeito os tirabeques-chícharo tamén están moi bos. Zampámolos hoxe guisados con patacas, salmón e ovos escalfados. Rico, rico!

Páxina seguinte »